jueves, 14 de abril de 2016

ARDE FRANCIA: A NUIT DEBOUT



Empecei a escribir esta liñas cando en Francia estaba convocada unha folga xeral que acadaría un indiscutible eco entre os cidadáns franceses. A verdade é que en abril París sempre aparece fermosa. En maio?: radiante.
O motivo da folga foi a presentación polo goberno socialdemócrata francés dunha reforma laboral que introduce no mercado laboral unha maior flexibilidade segundo gustan dicir os neoliberais e a troica quen viña esixindo dende fai algún tempo esta reforma. Unha lei que, segundo fontes ben informadas, M. Vall (Primeiro ministro francés) copia da Reforma laboral de M. Rajoy (Presidente en funcións do goberno español): ver para crer, a socialdemocracia francesa seguindo os pasos dos liberal-conservadores españois. Como cambian os tempos!.
Unha reforma laboral que foi moi contestada tanto pola maioría dos traballadores franceses e do movemento sindical –agás a CFDT-, como por parte do empresariado e dos parlamentarios de esquerdas. Contestación que tivo a súa primeira gran expresión social na citada folga xeral. Unha folga xeral a que se sumaron os estudantes das Universidades e tamén dos Liceos, co que iso significa en Francia. Unha folga xeral que, ao unírselle os  estudantes, pode sela antesala dunha protesta social similar ao que foi o 15M en España, pero a francesa. O estado de excepción decretado co gallo dos terribles atentados terroristas do 13N pode votarlle aínda mais gasolina á protesta social.
A susodita reforma laboral contempla maior flexibilidade, maiores facilidades para o despido e menores indemnizacións: unha “desregulación e precarización do traballo” segundo os traballadores e os estudantes mobilizados. Unha reforma que si xa dou lugar a numerosas mobilizacións durante o mes de marzo, o mesmo está pasando nos primeiros días do mes de abril e que pode ter a súa maior explosión social en maio. Mobilizacións que contan co apoio do 71% dos franceses -72% dos mozos/as-.
Todo o que está a acontecer parece apuntar que a reforma laboral pode selo caldo de cultivo para o xurdimento en Francia dun movemento social parecido ao 15M en España: a NUIT DEBOUT ou A NUIT ROUGE. Un movemento social oposto ao xiro que F. Hollande, coa nova lei laboral e outras medidas de carácter fiscal, está dando ao seu goberno. Un goberno cada vez mais encarrilado nunha senda neoliberal que queda moi lonxe das súas promesas electorais. Un xiro que provocou esta folga xeral, a primeira durante o mandato de F. Hollande. Unha folga xeral que é a expresión dun crecente malestar social en Francia. Un malestar social que ten causas obxectivas: elevado desemprego especialmente entre a poboación moza, deterioro crecente dos servizos públicos e recortes nas políticas sociais todo por mor dunhas políticas de axuste (“austericidio”) que se xustifican en nome dun crecemento económico que non aparece por ningures.
A NUIT DEBOUT xurde como un movemento cidadán que tenta ser plural e asembleario. Un movemento que si tivo a súa explosión inicial en París parece estar espallándose por moitas outras cidades –Touluose, Nantes, Rennes, Estrasburgo- coa ocupación de prazas e espazos públicos –como a simbólica Praza da República de París-. Unha ocupación intermitente pero que vai increscendo -2.000 persoas o domingo 3 de abril na praza de República- e estendéndose por Francia. Un movemento cidadán que dia a dia gana apoios, apoios que poden ser importantes, si se confirman, como o de AS BANLIEUES (“suburbios”). Os barrios marxinais das grandes cidades que fai varios anos foran protagonistas e testemuñas de mobilizacións sen precedentes. Neste mes de abril están anunciadas novas manifestacións que darán fe da relevancia e amplitude dese movemento. A alianza entre os traballadores, os estudantes e os mozos dos barrios marxinais das grandes cidades pode dar lugar a un amplísimo movemento de protesta cidadá.
Coñecendo a sociedade francesa, o seu dinamismo e a súa preferencia polo debate e a discusión política. Sabendo o impacto que ten en Europa todo o que pasa en Francia e moi especialmente en París. Coñecendo todo iso, e lembrando como xurdiu e a onde chegou o maio do 68 e mesmo o 15M en España,  non me estrañaría que en Francia estea incubándose unha nova rebelión social. Unha rebelión que, de non espabilar o goberno de F. Hollande e todo parece indicar que non vai ser así, resulta difícil predicir a onde pode chegar. Especialmente se mantén a sintonía actual entre o movemento sindical, os estudantes e os mozos dos barrios das banlieues o tempo que segue contando cun alto apoio cidadán. Non sabemos onde pode chegar este movemento, como pode rematar. Pero si pensamos que non deixará indiferente a moita xente e volverá a marcar un fito nos movementos sociais europeos.
Ben farían a socialdemocracia francesa e europea en non desprezar este movemento, como lle pasou co 15M a esquerda galega i española quen agora están pagando ese desprezo. Pola miña parte seguirei moi atentamente todo o que pase en Francia ….especialmente en París. Que lle vou facer se son ….. un afrancesado: “liberté, égalité, fraternité”.


Manoel Barbeitos Alcántara.

No hay comentarios: