viernes, 22 de abril de 2016

DEBEDAS PÚBLICAS, DEBEDAS PRIVADAS

O ano 2015 rematou dándonos algunhas novas económicas sobre as que vale a pena facer unha pequena reflexión dada a utilización política que no seu día se fixo e que agora tamén se fai.
Segundo nos informa o Banco de España no ano 2015 a débeda do conxunto das Administracións Públicas españois situouse nos 1,08 billóns de euros que equivalen practicamente ao 100% do PIB.  Pola súa parte a débeda privada correspondente as familias situouse nos 0,73 billóns de euros que equivaleron ao 67,5% do PIB español.
Agora se votamos a vista atrás vemos como estas dúas débedas tiveron un distinto comportamento durante a longa recesión que seguiu a grande crise (2008): mentres a débeda pública disparouse dende o 39,5% do PIB -0,44 billóns de euros- ao 100% do PIB    -1,08 billóns-, é dicir que duplicouse, a débeda privada das familias diminuíu pasando do 81,7% do PIB -0,91 billóns de euros- ao 67,5% do PIB -0,73 billóns-.
Aínda que nalgúns datos sobre as débedas poda haber unha certa inseguridade sobre a súa fiabilidade todo parece confirmar que cando estoupou a crise (2008) o grande problema era a débeda privada (familias, empresas, bancos) que estaba situada nos 3,2 billóns de euros equivalentes ao 280% do PIB un monto moi superior, como se pode ver a débeda pública que estaba situada nos 0,45 billóns de euros equivalentes ao 39,5% do PIB.
Logo dunhas durísimas políticas de axuste fiscal e rebaixa salarial xustificadas polas elites políticas, económicas e mediatices en que “vivíramos por riba das nosas posibilidades”, atopámonos con que, tal e como sinalaba, a débeda pública disparouse ata situarse nos 1,08 billóns de euros que equivalen ao 100% do PIB e que ven a ser o dobre do valor que tiña cando estoupou a crise. Agora si que a débeda pública pasou a ser un problema macroeconómico relevante pero polas razóns que xa apuntamos nalgún artigo anterior –a caída dos ingresos- (“Déficit público e mentiras”, 17.04.2016).
Disparouse a débeda pública mentres que no grupo das débedas privadas, e votando man dos datos que dispoñemos que, como dicía, proceden basicamente do Banco de España, se a débeda das familias caeu 14 puntos –pasou do 81,7% do PIB ao 67,5%- o que reflicte un enorme esforzo por parte daquelas, a débeda das empresas permaneceu practicamente estancada –entre o 107,8% e o 111,2 do PIB-, ao igual que sucede coa débeda dos bancos que, a pesar do escurantismo nos datos, parece que segue medrando –pasou do 89,8% ao 110% do PIB-.   
Datos estatísticos que amais de reflectir o fracaso mais absoluto da política gobernamental do PP (Mariano Rajoy-Cristobal Montoro-Luis de Guindos) mostran tamén as mentiras en que se apoian os seus argumentos políticos. Unhas mentiras que hai que estender a troica (BCE, CE, FMI) pero que están servindo para que, como xa sinalamos noutro texto (“A vella loita de clases”, 22.03.2016), as rendas do capital manteñan unhas ganancias crecentes e zumarentas ao tempo que caen as rendas do traballo e cada vez mais familias galegas i españolas vivan ao borde da pobreza: elevado desemprego, baixos salarios, axustes continuos nas prestacións e nos servizos públicos…. o chamado “austericidio” que, entre outros efectos, provoca que a taxa de suicidios entre as clases populares se dispare en Galiza e en España.
A nivel macroeconómico esta situación das débedas está na base da enorme debilidade que presenta a demanda en Galiza e en España e que impide a recuperación económica. Unha debilidade que afecta ao gasto global: familias –elevado desemprego, caída dos salarios, elevada débeda-, empresas –elevada débeda, caída das vendas, baixo investimento- e administracións públicas –austeridade fiscal, déficits e débedas públicos disparados, sen control-.
A tristeza é que estes argumentos neoliberais son tamén os argumentos de outras formacións que se presentan como modernas e alternativas. Ver para crer!.

Manoel Barbeitos Alcántara


No hay comentarios: