jueves, 7 de abril de 2016

DEFICITS PÚBLICOS E MENTIRAS

No Consello Europeo de decembro do 2011 a maioría dos estados europeos, por iniciativa de Alamana e baixo o liderado da troica, aceptaron a inclusión nas respectivas Constitucións nacionais da chamada “regra de ouro”. Un acordo que supuxo que os orzamentos públicos nacionais debían limitar o déficit público a un máximo do 0,5% do PIB. Un acordo cuxa vixilancia quedaba a cargo da Corte de Xustiza da UE e os tribunais nacionais. Un acordo que aprobaba tamén a imposición de sancións financeiras a aqueles estados que superarán o 3% do PB nos seus déficits.
Un acordo que tería a súa plasmación normativa na sinatura, o 2 de marzo do 2012, por parte de tódolos países da Unión Europea, agás Gran Bretaña e Chequia, do chamado Tratado de Estabilidade, Coordinación e Gobernanza (TECG). Tratado polo cal os países asinantes comprométense a que os seus orzamentos nacionais  estean en equilibrio ou superávit -compromiso que debe incorporarse ao Dereito interno: ás respectivas Constitucións-, e a coordinarse e converxer en materia de política económica na lina do acordado no Consello Europeo de decembro do 2011.
O goberno de Mariano Rajoy, e mais en concreto o seu  Ministro de Facenda, o inefable Cristobal Montoro, traspasaría este compromiso fiscal as comunidades autónomas e os concellos. Así no Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) de xuño do ano 2013 o goberno español aproveitando a maioría do seu partido (PP) nas presidencias das CCAA        –pero con os votos en contra de Canarias, Andalucía, Asturias e Cataluña e a abstención de Navarra e País Vasco- aprobouse que as CCAA terían que pechar o anos sucesivos con uns límites nos déficits e nas débedas que supoñían aplicarlles as mesmas mais do 75% do axuste global fixado para tódalas administracións. O dogma neoliberal de axuste fiscal quedaba así trasladado, por certo dun xeito absolutamente arbitrario e bastante chapuceiro, ás administracións autonómicas.
Pois ben a pesares dos durísimos axustes fiscais levados adiante polo goberno de Mariano Rajoy estes obxectivos tiveron moitos problemas para cumprirse, por razóns obvias. O último e sonoro incumprimento é o relativo ao ano 2015, exercicio para o cal o goberno español (PP) tiña asumido un compromiso de déficit do 4,2% do PIB. Un obxectivo longamente incumprido xa que o déficit conxunto das administracións públicas situouse no 5,16% - todo elo sen contar as axudas a banca-. Un fracaso político rotundo que mostra tanto a incompetencia gobernamental como o desvarío político que supón fixar obxectivos fiscais tan drásticos e difíciles de cumprir cando unhas economías, como por caso a galega e a española, están en recesión.
Un fracaso do que como era de agardar, coñecida a calaza do personaxe, C. Montoro non dubidou nin un instante en responsabilizar as comunidades autónomas e moi especialmente a Catalunya e Valencia. Con esa linguaxe tabernaria tan típica súa, C. Montoro culpou do incumprimento as comunidades autónomas, en especial aos novos gobernos autonómicos –ningún do PP- “gobernos de consenso que non serven mais que para facer anuncios de gasto o que é prexudicial para a recuperación económica”.
Pedirlle coherencia e rigor a C. Montoro é pedir un imposible. Pero vaiamos nos ao detalle dalgúns feitos si apuntados por outros, como por caso GESTHA.
1º. Durante o ano 2015, o goberno de M. Rajoy coa vista posta nas eleccións xerais aprobou unha reforma fiscal claramente populista. Unha reforma fiscal que supuxo unha redución do IRPF –con un custo aproximado de 4.500 millóns- e do Imposto de sociedades    –avaliada en 1.500 millóns- así como un adianto das rebaixas do 2016 –por un valor de 3.000 millóns-. En total unhas “rebaixas fiscais” que supuxeron unha merma nos ingresos públicos estimada en 9.000 millóns de euros. Tendo en conta que a desviación orzamentaria calculada polo goberno é de 10.650 millóns de euros, velaí as razóns do incumprimento fiscal: a irresponsabilidade fiscal do goberno español (PP).
2º. O incumprimento dos obxectivos fiscais, a baixa nos ingresos fiscais e o (suposto) incremento do gasto público coinciden nun ano en que a economía española acada un crecemento do 3,2%. Un dato que, sen dúbidas, cuestiona a tese ortodoxa que turra polo axuste fiscal para acadar o crecemento económico: bastou que se deixara respirar un pouco aos axentes económicos menos favorecidos para que a economía tivera un pequeno reponte.
Feitos ambos que confirman tanto a incompetencia dos nosos (ex) gobernantes como a mentira dos seus argumentos. Feitos que confirman tamén que dende a Unión Europea co seu teimado “austericidio” a onde nos levan –as clases populares- e ao abismo ou si se quere, ao inferno.


Manoel Barbeitos Alcántara

No hay comentarios: