sábado, 30 de abril de 2016

O “AUSTERICIDIO”: A AUSTERIDADE MATA!.



Nos derradeiros tempos ocorreron en Galiza varios sucesos dramáticos que  viñeron a confirmar e validar que aquilo que moitos asegurábamos –“a austeridade mata”- é certo desgraciadamente. 
1º. Segundo informaron a maioría dos medios de comunicación e opinión galegos e españois “dous altos cargos da Consellería de Sanidade da Xunta de Galiza foron citados a declarar como investigados na primeira causa xudicial que se segue en España, contra unha Administración por retrasar tratamentos a seis pacientes con hepatite C que morreron en Galiza entre os anos 2014 e 2015. A Fiscalía de Santiago de Compostela atribúelos dous delitos de homicidio por imprudencia grave profesional” (PUBLICO dixital 18.04.2016).
2º. De novo algúns destes medios de comunicación e opinión informan de que o IGE “fai públicos os rexistros de mortalidade mais recentes (2014) e neles rexístranse 371 falecementos por autolesións e suicidios. Son case 40 mais que un ano antes e practicamente iguala o maior rexistro da serie histórica que comeza no ano 1980. Unhas mortes por suicidio que superan as provocadas polos accidentes de tráfico” (PRAZA PÚBLICA dixital 31.03.2016). A franxa de idade con mais suicidios é entre os 30-39 anos e con esta taxa Galiza sitúase, xunto a Asturias, no pelotón de cabeza en España segundo a taxa de suicidios por 100.000 habitantes.
3º. Unha nova alborota o rural galego: xa son varios os casos de gandeiros que deixan morrelas súas vacas. “Corenta vacas mortas sen atención e outras 24 sacrificadas nunha explotación de Chantada. E agora corenta mais en Friol. A Garda Civil denunciou a un veciño deste concello por teren queimado os restos da corenta reses da súa propiedade que foron morrendo pouco a pouco de fame e de distintas doenzas. O dono alega que non puido alimentalas nin atendelas axeitadamente pola grave situación económica que atravesa” (LA VOZ DE GALICIA, 23.04.2016).
Como suceden estas cousas?, teñen estes feitos algún punto en común?. Estas cousas suceden por que a situación tanto en Galiza, como en España, e moi mala para as clases de rendas medias e baixas –as clases populares-. Moito peor do que as elites económicas, políticas e mediatices están dispostas a recoñecer. Unha situación que é moi mala por causas políticas: polo chamado “austericidio” que con tanta saña e teima aplican os gobernos galego e español (PP) baixo o paraugas da troica (FMI, CE, BCE).
Tratarei de demostrar, en textos próximos, como a causa dos feitos precedentes está no “austericidio”.

Manoel Barbeitos

No hay comentarios: