sábado, 28 de mayo de 2016

O AUSTERICIDIO MATA: GANDEIROS GALEGOS SACRIFICAN AS SUAS VACAS



Fai algúns poucos anos unha noticia procedente da India, que non tivo moita difusión por razóns de sobras coñecidas, conmoveu non poucas conciencias e alertou sobre o perigo das políticas neoliberais: cada vez mais agricultores na India suicidábanse -300.000 nos derradeiros 20 anos- por mor de non poder facer fronte as súas débedas. E ben sabido que en determinadas culturas o ter débedas supón unha enorme deshonra, unha vergoña insoportable. Pois ben  estes agricultores     –que cultivan arroz, algodón,…-, seguindo as recomendacións do goberno da India –“asesorado polo Banco Mundial”-, capitalizaranse fortemente acudindo ao endebedamento fácil. Unha capitalización que trouxo consigo unha “modernización” marcada pola dependencia dos prezos tanto dos insumos como dos seus produtos agrícolas fixados en ambos casos polas respectivas multinacionais. Un endebedamento cuxa cobertura depende da relación de prezos anteriormente citada. Unha relación, que como sucede agora cos gandeiros de leite en Galiza, termina sendo moi desfavorable para os produtores agrarios e moi favorable para as industrias, moi especialmente para as grandes sinaturas. Unha situación que fai que os agricultores non podan facer fronte aos seus gastos, e as súas débedas. Presionados polos bancos acredores moitos agricultores reaccionan como sucede na India –por certo non está de mais sinalar que estes agricultores utilizan os pesticidas como arma homicida-, ou como empeza a suceder en Galiza deixan morrelas súas vacas.
Sona terrible pero é unha evidencia: en Galicia hai gandeiros que deixan morrer as súas vacas por non poder alimentalas nin atendelas. Gandeiros que ven como o que lles pagan polo seu produto: o leite –en moitos casos menos de 0,25 céntimos o litro- non lle chega para cubrilos gastos de funcionamento das súas explotacións gandeiras –un quilo de penso a 0,30 céntimos-: “boten contas” –din os gandeiros- “págannos o libro de leite a 0,27 céntimos pero o quilo de penso cústanos 0,30 céntimos e cada vaca consume diariamente uns 10 quilos. Súmelle a isto outros gastos como os seguros, o veterinario, a luz, a …..”. A ecuación é sinxela, pero concluínte: caída do prezo no leite, retraso no pago por parte das industrias lácteas, imposibilidade de pagalo penso o que leva a un corte do subministro, imposibilidade de pagalos créditos o que provoca embargos.
Como axeitadamente declaraba para TEMPOS NOVOS Cándido Iglesias, un gandeiro da Baña (A Coruña), “Home, o caso de Galiza non está sendo normal e eu non remato de entendelo. Vexo que Asturias, Andalucía e todo o sur está a cobrar moito mais polo leite producido nos seus territorios. Ao mellor débese a que os que gobernan a Xunta non nos defenden como deberan. Dinnos que producimos mais do que consumimos pero os valencianos tamén producen máis laranxas das que consumen e non pasa nada”. (M. BARBEITOS, A. OCA: “Dúas xeracións e corenta anos de expectativas”. TEMPOS NOVOS marzo 2016). “Os prezos medraron para os consumidores nas cadeas de distribución, pero ese incremento non foi trasladado ao prezo que perciben os gandeiros (…..) a media que percibimos os produtores galegos segue a ser a máis baixa de España” (M. BARBEITOS, A. OCA…).
Fronte a avaricia das industrias lácteas –que tiran os prezos a baixa- e das empresas de subministres –que non baixan o prezo dos pensos-, a falta de alma dos bancos –que apreman cos créditos- e a desmesura dos oligopolios de servizos  –que non baixan os prezos dos combustibles- os gandeiros galegos séntense sos e desamparados. Sos e impotentes para poder manter en condicións as súas explotacións observan como a Xunta de Galicia non lles presta atención. “Como queira que non pesamos nada, non nos fan caso” –apunta Cándido Iglesias- “O sector agrario no seu conxunto non conta para a Xunta de Galiza”. Unha Xunta de Galiza (PP) que, como mandan os austericidas, prefire destinar recursos públicos a financiala luxuria e a cobiza dos grandes bancos –pagando mais de mil millóns de euros anuais en conceptos de servizos da débeda- que a axudar aos gandeiros a facelas súas explotacións rendibles e competitivas.
Un esforzo no que moitas veces os gandeiros atopáronse sos. “Os feitos aí están”- continúa Cándido Iglesias- “o sector e os gandeiros evolucionamos só e exclusivamente co esforzo propio” Claro que non todos foron quen de evolucionar. Moitos que non puideron, ou non souberon, optaron por abandonar e, na maioría, retomar o camiño da emigración. Uns poucos, que poden ser moitos mais no futuro, optaron por solucións drásticas como sacrificala súa cabana.


Manoel Barbeitos Alcántara

No hay comentarios: