domingo, 10 de julio de 2016

Unha viaxe por Galicia



Marchamos a Sada e puidemos ver o excelente paseo marítimo que salva un amplo espazo de uso comunitario xunto á praia. Esta vila medrou de forma desordenada sen que un axeitado planeamento urbanístico evitase edificios que campan polos seus respectos; incluso un horrendo hotel se interpón entre dúas ruas, agora pechado despois de ter deixado ós seus traballadores sen emprego e sen soldo. Como vimos, unha ordenación do territorio se fai imprescindible no noso país e non vexo que este asunto se encontre entre as prioridades políticas

Subimos o mirador de San Mamede, dende o que se hai unha vista extraordinaria da ría de Betanzos, con Miño e Ares o outro lado, xunto coa ensenada de Cabanas e Pntedeume. O monte non está coidado, misturándose as árbores sen ton nin son e sen a limpeza necesaria para evitar incendios.

Despois duns días, camiño de Guitiriz, Bahamonde, Rábade e Lugo. Son poboacóns, agás a capital, que casi non evolucionaron dende décadas, a non ser polo labor das súas autoridades municipais: no caso de Guitiriz  a xa antiga banda de música e agora unha escola de música, co que tamén contan os de Sada. En Bahamonde ten máis interés o castiñeiro que a capela anexa, e sobre todo o museo de Víctor Corral, un escultor en pedra que ten ben merecido o recoñecemento dos seus veciños. Coma noutros lugares, son as autoridades locais as que renovan estas vilas.

Dende O Corgo empeza a mellor paisaxe rural de Galicia –con permiso dos veciños doutras comarcas- cunha variedade de arborescencias extraordinaria: carballeiras, castiñeios, aciñeiras… formando fragas e sotobosques aquí e alá, coas montuosidades aparecendo a medida que chegan os Ancares, con aldeas espalladas polas faldas cuxos accesos parecen inverosímiles. Pasamos por Becerreá (onde nos falaron dun alcalde que se empeñou, sen éxito, en ser Presidente provincial a toda costa…) e As Nogais. Logo achegámonos ata Cervantes e Navia de Suarna, cuxas paisaxes forman parte da reserva da biosfera, o que sen dúbida constitúe a principal novidade para a conservación destes paraxes.

Pasamos a El Bierzo, con Cacabelos como destino principal, coa intención de subir ata Bergidum, castro extraordinario e lugar de habitación en épocas prerromana, romana e medieval: a súa muralla potente… a vista sobre todo o val coas Médulas, Ponferrada, unha central térmica, a vila de Cacabelos cos seus viñedos, máis o oeste Villafranca.

De volta estivemos no polígono industrial de Teixeiro (por fin feito antes de que se instalasen as diversas industrias, con moitas parcelas, dende hai anos, sen ocupación) e así ata as terras de Mesía (o seu gando vacún) cos seus prados, e Ordes. De aquí a Compostela…

En toda a viaxe botamos de menos actuacións urxentes das autoridades: dotación de servizos (transporte), ordenación territorial para que os concellos poidan atender mellor necesidades dos veciños. Galicia está volcada hacia o oeste, onde se encontran as vilas e cidades máis importantes en poboación e economía, pero a provincia de Lugo e o centro do país teñen grandes potencialidades económicas, paisaxísticas, que convén impulsar sen deixar que todo o faga (xeralmente mal) a iniciativa privada. 

L. de Guereñu Polán. 

No hay comentarios: