lunes, 3 de octubre de 2016

Feridas na Terra de Montes

Paisaxe da Terra de Montes que agora non podemos ver


Recorrer a comarca pontevedresa de Terra de Montes é chorar, se se me permite unha expresión que escoitei nunha ocasión a un arquitecto catalán que visitou as Rías Baixas e viu a situación da súa ordenación do territorio e caótico urbanismo.

O río Almofrei ven da serra do Cando facendo meandros ata desembocar no Lérez antes de Pontevedra. A estrada que conduce a Cocobade pasa por Vilanova, A Xexteira, Pazos, As Lagoas cos seus muiños, A Chan, centro neurálxico do concello de Cotobade e, río arriba, ata a citada serra do Cando no medio de dous vales afundidos.

É unha mágoa como se encontra a paisaxe: as árbores queimadas, os montes se limpar, os prados escurridos entre os bosques escuálidos, unha masa forestal tras outra queimada como consecuencia da mala fe, da desidia, da falta de previsión e da acción criminal por activa e por pasiva duns e outros. Se estivese con nós Otero Pedrayo habería de dicir de novo aquela frase súa de “sorbemos as lágrimas”.

A Conselleira de Medio Rural, mentres tanto, non dí nada: a temos sen dar explicacións de ningún tipo, sen dicir que fixo ou deixou de facer, que medios se puxeron a disposición dos veciños, dos coidadores dos montes, dos axentes forestais para evitar que cada verán, coma o último, se produza un novo drama que fire gravemente o patrimonio natural de Galicia. O Presidente da Xunta de Galicia non debe saber nada disto, porque nada di.

A oposición política, non vai moverse para que este aldraxe, este insulto, esta ferida que se afonda cada ano non volva de novo a producirse sen remedio? Que país somos que non protestamos cando se atenta contra o noso patrimonio común? Abonda con comer todos os días? (estou seguro de que non todos os galegos comen). Abonda con deixar pasar os días ata que un novo Parlamento se constitúa, ata que unha nova Xunta volva a abandonar os montes de Galicia?

Clamo aquí para que alguén leve ás institucións de Galicia, que é a competente (incompetente neste caso) se ocupe de evitar novas feridas. As xa feitas supuran e danan os nosos ollos; constitúen un insulto á colectividade. Os que non queiran sufrir, non visiten a Terra de Montes, unha fermosa e maltratada comarca da provincia de Pontevedra que ten en Carballedo, Loureiro, Caroi, As Lagoas, o val do río Almofrei e tantas outras aldeas e lugares de Galicia, montes e carballeiras, as súas mellores mostras de existencia humana.

L. de Guereñu Polán.


No hay comentarios: