A maioría dos estudos e informes máis fiables coinciden en que a
depresión económica última, da que aínda non saímos definitivamente,
supuxo para Galiza un claro retroceso económico, un grave declive social
(velaí por caso o déficit social reflectido en funcións como a atención
sanitaria, o ensino, a dependencia, a vellez, a familia e a infancia,
etc.), e un indiscutible deterioro medio ambiental. Por si isto non fora
suficiente asistimos a un crecemento sen precedentes das desigualdades
sociais, unha extensión da corrupción institucional e un clarísimo
retroceso autonómico. En definitiva unha crise sistémica.
Unha
crise que ten causas políticas. As políticas que con inusitada dureza
veñen aplicando tanto o goberno español como galego, ámbolos dous en
mans do mesmo partido (PP). Unhas evidencias que deberan facilitar a
coincidencia entre os partidos galegos de esquerda (EN MAREA, PSdG-PSOE e
BNG) nun mesmo diagnóstico.
Uns partidos políticos que
tampouco deberan ignorar o que reflicten a cotío tanto as distintas
contendas electorais celebradas como as propias enquisas: que a esquerda
galega é plural por natureza, por que así o queren os/as cidadáns/ás
galegos/as. Unha pluralidade que non é debilidade senón riqueza.
Se
estes partidos galegos de esquerdas asumen estas realidades evidentes
–crise social, territorial e política, pluralidade partidaria- non lles
debera ser difícil entender que a única forma de sacarse de enriba este
abafante dominio político e social da dereita ultraconservadora de
Galiza é que acaden un nivel mínimo de acordo e unidade –tanto a nivel
institucional como social-. Un acordo que, partindo da pluralidade,
procure o artellamento dunha maioría social e política que sexa quen de
levar as forzas de esquerdas ao goberno tanto da Xunta de Galiza como
das distintas institucións políticas galegas. Paso imprescindible para
reverter as políticas que nos están levando ao abismo social e político.
Imprescindible pero non suficiente xa que estas forzas de esquerdas
deben contar co apoio e a colaboración activa tanto do movemento
sindical galego como das distintas organizacións que artellan o tecido
social galego. Apoio necesario para acadar unha ampla maioría
alternativa progresista. Maioría imprescindible para conseguir unha
ampla mobilización cidadá que sexa quen de vencer tanto ao enorme poder
institucional como mediatice que a dereita ten en Galiza.
Un
acordo que, repito, precisa de que as tres forzas de esquerda con
representatividade (EN MAREA, PSdG-PSOE, BNG) entendan e asuman sen
equívocos que a esquerda galega é unha esquerda plural. Unha pluralidade
que significa, como se di na linguaxe política, que todos eles "viñeron
para quedar".
Velaí a primeira e imprescindible condición:
que as esquerdas galegas deixen de pelexar entre si, acepten a
pluralidade política e creen as bases para unha convivencia pacífica e
colaboradora.
Unha unidade que non deber ser orgánica, senón
política: en base a un proxecto político común. Unha unión política con
un obxectivo central: a defensa dos intereses da maioría que son as
clases populares –cidadáns de rendas medias e baixas-. Un obxectivo
político nada difícil de procurar pero que esixe da necesaria madurez
política nos dirixentes e cadros dos tres partidos políticos citados
algo do que, polo que estamos vendo, non andan sobrados.
Unha
unidade que precisa de que as forzas tradicionais de esquerda (PSdG-PSOE
e BNG) entendan e acepten que as forzas emerxentes (EN MAREA) "viñeron
para quedar" e, por caso, cesen na súa miope política de acoso e derribo
aos gobernantes locais de EN MAREA (Compostela, A Coruña, O Ferrol).
Unha unidade que tamén require por parte destas últimas (EN MAREA)
entender que aquelas (PSdG-PSOE e BNG) son compañeiras de viaxe e
abandonen algunhas reticencias sectarias derivadas de vellos e caducos
estereotipos. Unha unidade que esixe de todas elas que entendan, como xa
dixen noutro artigo, ca diversidade e a pluralidade enriquece e
favorece as esquerdas.
Unha unidade que esixe coherencia as
forzas emerxentes (EN MAREA) e moi especialmente aos partidos que a
integran. Dificilmente poden ser cribles chamamentos a unidade das
esquerdas cando no interior da organización propia (EN MAREA) non se
practica a solidariedade e a colaboración que deben cementar tal
unidade. Cando se opta por magnificar as diferenzas e fomentar a
competencia interna ao tempo que se poñen atrancos ao seu funcionamento.
Atrancos que agochan o obxectivo de dificultar o funcionamento autónomo
de EN MAREA buscando, por parte deses partidos, tutelar os procesos e
actuacións da mesma e sometela aos intereses partidarios. Practicas que
deixan en evidencia como os intereses partidarios e particulares no seo
da esquerda con frecuencia están por diante dos intereses das clases
populares que din querer representar. Practicas que amosan como, a pesar
do que se predica, tamén no seo de EN MAREA perviven aínda formas da
vella política, modos de organizacións de réxime de corte clásico que
tanto critican.
Unha unidade de acción que non parece tan
difícil se entramos tanto no eido dos diagnósticos como das solucións
políticas. Así non cabe ningunha dúbida de que as tres forzas políticas
galegas coinciden a hora de avaliar tanto o partido que goberna a Xunta
de Galiza como as súas políticas. Cabe algunha dúbida en que os galegos
estamos gobernados por un partido franquista, que ten a corrupción como
bandeira e que leva adiante políticas que provocan un enorme retroceso
no económico, un grande incremento na desigualdade social e territorial e
un grave deterioro no medio ambiente. Un partido que lle nega a este
país os seus dereitos nacionais e que incluso menospreza a súa lingua.
Un partido que ataca a liberdade e os dereitos democráticos de tódolos
cidadáns. As evidencias de que tales cousas suceden en Galiza son
innumerables e continuas. Cabe por tanto dubidar de que todas e cada
unha das forzas galegas de esquerdas debera reivindicar o traballar
unidas para dar un xiro radical a tal situación?.
Velaí unha
primeira e indiscutible coincidencia. Unha coincidencia que seguro pode
ampliarse aos eidos económico, social, político, medioambental e
cultural. Por caso, hai ou non coincidencia entre as forzas galegas de
esquerdas en que resulta urxente poñer coto as políticas neoliberais de
axuste fiscal e rebaixa salarial para substituílas por políticas
expansivas que teñan o crecemento económico e a creación de emprego como
obxectivo central?. Hai ou non coincidencia entre as forzas galegas de
esquerdas en que hai que poñer freo tanto ao desmantelamento fiscal do
estado das autonomías como ao afogamento crecente dos concellos que esta
levando a cabo o goberno de M. Rajoy (PP) co beneplácito da actual
Xunta de Galiza (PP)?
Hai ou non coincidencia en que o xa
débil estado de benestar está sendo demolido en Galiza, para entregarllo
ao capital privado, polo que urxe proceder ao seu inmediato rescate
para o publico e o posterior fortalecemento?. Non é a corrupción
política un anatema para as esquerdas galegas?. Non son a solidariedade,
especialmente con os que mais sofren, e a igualdade sinais de
identidade das esquerdas?. Que lle impide, xa que logo, as esquerdas
galegas chegar a uns mínimos acordos encol da recuperación destas sinais
de identidade, encol da defensa destes obxectivos políticos?
Hai
ou non coincidencia en denunciar que tanto a burbulla inmobiliaria,
como as políticas de grandes infraestruturas e mesmo moitas das
políticas industrias e forestais que se aplican en Galiza están
provocando un enorme dano cando non unha desfeita, poida que nalgúns
casos irreversible, no medio ambiente?
Finalmente, hai ou non
coincidencia entre as esquerdas galegas en que o PP (Partido Popular) e
un partido liberticida que, como tal, atenta contra os dereitos e
liberdades fundamentais?
Velaí algúns, hai moitos mais,
contidos políticos que avalían a viabilidade da unha unidade de acción
entre as esquerdas galegas. Unha unidade que non so é viable senón
necesaria, eu diría que imprescindible si, de verdade, queremos
poñer fin a este abafante dominio conservador por parte dun partido
político autoritario e corrupto (PP) que está levando a Galiza, e con
ela a maioría dos/as galegos/as a unha crise social e xeracional.
Non
son un inxenuo e sei das enormes dificultades e atrancos a esta
reclamada unidade das esquerdas. Atrancos que, en moitos casos, proceden
tanto de burocracias partidarias mais preocupadas, digan o que digan,
polo seu presente e futuro que polo do país como de vellas desconfianzas
e récelos mutuos entre as propias esquerdas moitas das veces ateigadas
de inercias que conducen a privilexiar as diferenzas –incluso buscalas-
na vez de traballar nas coincidencias.
Dificultades tamén
derivadas do antagonismo e total rexeite a esa unidade –auténtico temor-
por parte da maioría das elites e dos medios de comunicación e opinión
galegos que aquelas controlan e que son maioría.
Pero é o
único camiño. As esquerdas galegas están condenadas a entenderse do
contrario o camiño levaraas de derrota en derrota. Derrotas que irán en
claro prexuízo das clases populares galegas. De Galiza.
Manoel Barbeitos
No hay comentarios:
Publicar un comentario