Está demostrado sobradamente que o chamado franquismo -réxime presidido
por Franco (1939-1975)- foi unha das ditaduras máis crueis e
sanguinarias do século XX. Un período que, como tal, debera ser refugado
con rotundidade por todos os demócratas galegos e españois ao tempo que
estes terían que impedir, por razóns democráticas, calquera intento xa
non de repetila, senón incluso de alabala ou glorificala. Como sucede en
Alemaña coa ditadura nazi (Hitler), en Italia co ditadura fascista
(Mussolini) e incluso en Cambodja coa ditadura dos jemeres vermellos (Pol Pot). Ditaduras que, como a franquista, provocaron auténticos xenocidios nos seus respectivos países.
Desgraciadamente en Galiza, por caso, ese refugo non sucede e estes
días temos unha proba máis do sinalado. Que a propiedade e o destino do
Pazo de Meirás sexa hoxe obxecto de controversia non é máis que un
terrible signo de como a democracia é aínda moi feble, moi deficitaria.
Que ese inmoble, expropiado manu militari aos seus auténticos
donos, aínda siga sendo propiedade da familia dun dos ditadores máis
crueis e sanguinarios do século XX e, aínda máis, que sexa administrado
por unha Fundación fascista ("Franco non fusilou a ninguén nin dictou
condeas a morte") que leva o seu nome é moi moi mal sinal para os
demócratas galegos que somos a inmensa maioría.
Pero que todo iso suceda mentres os representantes do actual goberno
galego, a Xunta de Galicia, buscan desculparse dicindo "que non ten
competencias para actuar" acentúa a gravidade e vén confirmar o
anteriormente sinalado sobre o déficit democrático en Galiza. Porque
diante desta resposta da Xunta de Galiza cabe preguntarse: se o actual
goberno galego (PP) non é quen de loitar políticamente contra o
franquismo cabe cualificalo como un auténtico goberno democrático, un
goberno dirixido por demócratas? Ou o que realmente sucede é que non
quere facelo por non molestar a moitas das súas bases e non remover a
súa historia? Como pode gobernar tranquilamente sabendo que en Galiza
aínda hai numerosas iconas por todo o territorio galego que lexitiman e
enxalzan a ditadura franquista e os seus crimes?
Porque o Pazo de Meirás non é máis que o buque insignia de toda unha
insultante colección de iconas franquistas que aínda permanecen en
Galiza. Como ten ben documentado a Comisión pola Recuperación da
Memoria Histórica (CRMH) existen en Galiza demasiados símbolos da
ditadura franquista -rúas cos nomes de destacados franquistas tales como
General Mola, General Sanjurjo, Coronel Tejero, cruces e outros
símbolos franquistas incluso en fachadas de igrexas e edificios
públicos, retratos do ditador en despachos de representantes políticos
locais que chegan a facer ostentación de tal simboloxía...- como para
non se preguntar como é posible que isto aínda este sucedendo. Como unha
democracia pode aceptalo? Como non actúa o goberno galego na retirada
definitiva de tal simboloxía?
Para calquera cidadán europeo (alemán, italiano, francés...) que non
coñeza a recente historia de Galiza e España isto pareceralle inaudito.
Pero ten a súa explicación, que non xustificación. Baste con lembrar a
historia política de Galiza dende que hai autonomía e como a maior parte
deste tempo estivo gobernada por un partido conservador (PP) que ten
unha matriz claramente franquista. Porque se lembramos tanto as orixes
como a filosofía política que defende o Partido Popular (PP) seguramente
entendamos as súas reticencias, cando non negativas claras, a condenar o
franquismo e os seus crimes e a reparar a memoria das súas vítimas.
O Partido Popular foi creado no ano 1976, sendo os seus fundadores toda
unha cuadrilla de ex ministros franquistas que xamais renegaron nin do
seu pasado nin da súa ideoloxía claramente fascistas. Basta facer
memoria e lembrar o sinistro listado de políticos fundadores do Partido
Popular (PP) para confirmar o carácter franquista do mesmo: Manuel Fraga
Iribarne, Gonzalo Fernández de la Mora, Laureano Lopez Rodo, Cruz
Martines Esteruelas, Licinio de la Fuente, Gregorio Lopez Bravo, Enrique
Torres de Carranza.... son algúns dos nomes máis famosos entre os
fundadores dese partido. Nomes que tiñan en común tanto o seu pasado
franquista (ex ministros) coma a súa indiscutible adhesión a tal ideario
fascista e a defensa do realizado pola ditadura da que formaron parte.
Con tales vimbios, como se podía esperar que este partido (PP) asumise
os crimes perpetrados pola ditadura franquista, recuperase a auténtica
memoria histórica e fixese xustiza coas vítimas daquela?
Para máis inxudia, en Galiza e durante 15 anos (1990-2005) estivo á
fronte da Xunta de Galiza o citado Manuel Fraga Iribarne, fundador de
tal partido (PP). Un político que fora ministro de Franco -ocupou o
Ministerio de Información e Turismo entre 1962 e 1969, período no que
tivo lugar o fusilamento de Julian Grimau (1963)- e do goberno de Arias
Navarro -Ministro do Interior e Vicepresidente do Goberno durante cuxo
mandato (1975-76) se produciron os lamentables sucesos de Vitoria e
Montejurra (1976) con mortes de civís habidas pola acción da policía e a
garda civil-. A presenza de Manuel Fraga, que nunca renegou do seu
pasado franquista e que sempre declarou a súa admiración e respecto polo
ditador, á fronte da Xunta de Galiza marcou e segue marcando o modus vivendi político de Galiza.
Alguén imaxina como sería hoxe en día a Renania-Westfalia se Joseph
Goebbels -Ministro para a Ilustración pública e a Propaganda de A.
Hitler- fose o seu Presidente, por caso logo da Segunda Guerra Mundial?
Ou como sería por caso a Toscana con Giovanni Gentile -Ministro de
Instrución Pública de B. Mussolini- de Xefe de Goberno na democracia?
Pois o que non foi posible nin en Alemaña nin en Italia, con fortuna
para estes estados e esas comunidades, si foi posible en España, en
Galiza onde un político da mesma natureza que os anteriormente citados
gobernou durante 15 anos.
Nada que dicir da lexitimidade democrática dos gobernos galegos
presididos por M. Fraga Iribarne, pero si subliñar que esta presenza
supuxo, e supón, que moitos dos mitos e as iconas do franquismo sigan
aínda moi presentes en Galiza. Algo que representa un enorme déficit
democrático. Como por caso pode suceder que o goberno galego diga que
non é quen de expulsar os Franco do Pazo de Meirás e devolver esa
inmoble a cidadanía? Como este goberno non ten como obxectivo retirar
todas as iconas franquistas que aínda existen en Galiza e que supoñen
unha auténtica aldraxe para a democracia e tódolos demócratas galegos?
A explicación é moi sinxela e xa fixemos referencia a mesma: falta de vontade política.
Ademais, se repasamos as hemerotecas, veremos como o PP, en Galiza e en
España, opúxose sempre a calquera iniciativa que levara explícita ou
implícita a condena real do franquismo e os seus crimes. Aínda hoxe se
nega, tanto en Galiza como en España, a recoñecer a auténtica historia, a
cualificar o réxime franquista como o que realmente foi, unha ditadura
sanguinaria. Négase así a reparar a memoria e o bo nome das vítimas do
terror, daqueles miles de galegos/as que morreron loitando -cando non
foron simplemente asasinados como por caso numerosos representantes
locais e líderes sindicais- en defensa da democracia e a legalidade en
Galiza. A memoria e bo nome de miles de mulleres violadas e asasinadas
cunha crueldade infinita. A memoria de dirixentes políticos ilustres
como Alexandre Bóveda, e moitos outros que sería prolífico citar pero
que me merecen igual respecto, sentenciados a morte e asasinados polos
franquistas.
Neste marco político non son cribles as declaracións dos responsables
da Xunta de Galiza (PP) de que non teñen competencias para recuperar o
Pazo de Meirás. A realidade é que os dirixentes do partido máis corrupto
de Europa (PP) que ao tempo tivo como matriz o franquismo non quere
remover a historia porque sería quedar espidos de credenciais
democráticas. Por iso mesmo non cabe agardar que se faga xustiza coas
vítimas da ditadura franquista e se recupere a auténtica historia
mentres este partido (PP) goberne en Galiza, como en España. O cal non
quere dicir que os/as demócratas galegos/as non debamos seguir loitando
pola xustiza e a verdade. Todo o contrario, debémolo facer e con máis
forza cada vez: os/as nosos/as devanceiros/as así nolo reclaman,
moitos/as deles/as dende as cunetas das estradas, dende o fondo dun
barranco, dun pozo ou dende as profundidades dunha ría. Cando non dende
diante dun pelotón de fusilamento.
Están en xogo a democracia e a xustiza en Galiza. Está en xogo o futuro de Galiza.
Manoel Barbeitos
No hay comentarios:
Publicar un comentario