jueves, 3 de agosto de 2017

OS SOCIALISTAS GALEGOS E O "DIA DE GALICIA"

Nos últimos anos foi decaendo a miña ilusión polo acto que cada 25 de xullo ven convocando en Rianxo o PSdeG-PSOE para celebrar o día de Galicia.

Fai pouco que lin unhas declaracións de Xesús Alonso Montero, quen dicía sentirse estrañado dende fai xa moitos anos por esta celebración dos socialistas en Rianxo tendo como grande referente a Castelao, insigne fillo desta vila, pero en modo algún figura representativa dos socialistas galegos. Si e certo, que o ilustre rianxeiro, foi e segue sendo unha figura senlleira da loita contra a ditadura franquista, un referente imprescindible na conquista do Estatuto de Galicia e un humanista digno de admiración e gran  impulsor do galeguismo, pero a súa militancia e compromiso nunca estivo cos socialistas nin  coas súas organizacións, senón co Partido Galeguista.  De feito nas eleccións celebradas en febreiro de 1936, foi elixido Deputado por Pontevedra en representación do Partido Galeguista. Foi director de A Nosa Terra, órgano do Partido Galeguista entón e hoxe voceiro oficial do BNG.

Esta por saber cales foron as razóns concretas polas que os socialistas galegos elixiron Rianxo para celebrar cada ano o Día de Galicia, pero estou seguro que entre elas estivo o feito de “saír da baraúnda político-festiva de Santiago” e xuntarse nun espazo no que expor con mais sosego o punto de vista do partido en relación a conxuntura política de cada ano. Neste senso, seguramente tivo importancia que na vila de Rianxo, a candidatura dos socialistas, encabezada por Xosé Bravo Frieiro, obtivese 15 dos 17 concelleiros electos nas eleccións de 1979 e fose reelixido con sucesivas maiorías absolutas nas seguintes convocatorias. Tampouco se pode esquecer a tradicional dificultade dos socialistas galegos para poñerse de acordo en temas como este.

E sabido que o berce dos socialistas galegos foi Ferrol, onde naceu a primeira Agrupación Socialista de Galicia, aínda que logo sería Vigo e o resto da provincia de Pontevedra onde o PSOE tería ate 1936 as organizacións máis numerosas, activas e influentes. Falando de Ferrol e pensando nunha localidade na que celebrar actos como o do “Día de Galicia”, ademais do anterior xusto é recordar dous detalles: En Ferrol naceu,  foi a escola e viviu ate os 10 anos, Pablo Iglesias o fundador do PSOE e da UGT. De Ferrol era alcalde Xaime Quintanilla Martínez, fusilado o 18 de agosto de 1936 nas tapias do cemiterio de Canido 
.
 Xaime Quintanilla Martínez segue a ser un grande descoñecido para a sociedade galega e incluso para a maioría dos socialistas galegos de hoxe. A consigna do franquismo trala guerra de “esquecemento e silencio” sobre o acontecido naqueles anos terribles deu os seus froitos. Médico, escritor e político, con moitas semellanzas con Castelao en canto a pensamento e actividades, con unha diferenza importante.  Castelao morreu no exilio en Bos Aires con 64 anos e Quintanilla morreu asasinado en Ferrol cando tiña 38 anos.

No ano 2011, os historiadores Ana Romero Masiá e Carlos Pereira Martínez publicaron unha documentadísima biografía de Xaime Quintanilla, na que amosan a  súa traxectoria como político, como médico, como periodista, autor de teatro e impulsor das Irmandades da Fala. Un grande traballo de investigación para un grande personaxe.

E dicir, que sen menoscabo de Rianxo, Ferrol reúne as mellores condicións para acoller, cando menos un ano, a celebración anual do Día de Galicia polos socialistas galegos. Igual que Ferrol podería ser Betanzos, onde se recorda a  figura de Ramón Beade Méndez. Destacado líder agrario elixido Deputado por A Coruña en 1931 e 1936, con amplísima traxectoria no PSOE e na UGT. Trala Guerra Civil viviu oculto en Betanzos, sendo dado por morto. Permaneceu nesta situación ate que en 1947 entrou en contacto coas organizacións socialistas no exilio para traballar na reorganización do movemento socialista clandestino na Coruña. Foi detido en xuño de 1951 e condenado a doce anos. Faleceu o 3 de  xullo de 1956, constituíndo o seu enterro civil (en plena ditadura e baixo severo control policial), unha das maiores  manifestacións celebradas en Betanzos.

Igual que Ferrol ou Betanzos, con igual merecemento podería ser A Coruña, Ourense, Lugo, ou Vigo, ou Pontevedra, ou decenas de localidades onde insignes socialistas seguen aínda a espera de ser recordados e de recibir a homenaxe que merecen. Se non Ferrol, cabería pensar na súa celebración de xeito rotatorio, contribuíndo así a que o PSdeG-PSOE recupere para Galicia e para a súa propia historia a memoria de auténticos mártires dos ideais socialistas.

Xesús Mosquera Sueiro / 3 de Agosto do 2017





No hay comentarios: