sábado, 31 de agosto de 2019

Vivimos os/as galegos/as hoxe mellor que hai dez anos?

Cando está a punto de iniciarse o último exercicio da actual lexislatura e xa vemos no horizonte as eleccións autonómicas (setembro 2020) resulta oportuno preguntarnos si os/as galegos/as, na súa maioría, vivimos hoxe mellor que, por caso, fai dez anos (2009) cando A. Núñez Feijoo, ao fronte do Partido Popular (PP), chegou a Presidencia da Xunta de Galicia. Unha análise que debe apoiarse na avaliación dos principais indicadores relativos a calidade de vida e o benestar.
Empecemos polo principal: o traballo. Ninguén pode discutir que nesta sociedade capitalista neoliberal ter ou non ter traballo, e que tipo de emprego, condiciona decisivamente a vida dos/as cidadáns. Pois ben, utilizando sempre as estatísticas oficiais, en Galicia hoxe (2019) hai menos emprego que fai dez anos (2009) polo que seguemos a ser unha comunidade con un moi baixo nivel de ocupación que leva a que moitos/as galegos/as ben estean no desemprego ben teñan que emigrar. Por si esta non fora suficiente desgraza o emprego que se crea e crecentemente precario o que, por caso, leva a que a porcentaxe de traballadores pobres sexa a mais elevada do período democrático alcanzando cifras récords: por vez primeira na democracia o ter un emprego non libra da pobreza.
As rendas. As estatísticas veñen a confirmar unha evidencia: que as diferenzas de rendas disparáronse neste período. Así, as rendas do traballo non pararon de perder peso na riqueza nacional a prol das rendas de capital situándose no furgón de cola a nivel español e sendo Galicia unha das poucas comunidades nas que o peso das rendas de capital é claramente superior ao das rendas de traballo. Esta desigualdade trasladouse tanto a nivel de xénero como de idade facendo ca pobreza xa non distinga entre idade, xénero, situación laboral, etc. e adopte un carácter sistémico, incrementado a lenda entre familias ricas e pobres. 
Os servizos privados básicos. A liberalización neoliberal está pensada para favorecer, entre outros, aos grandes monopolios (enerxía, electricidade, comunicación, etc.) que, como por caso nos informa a CNMC (Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia) e confirman as evidencias, aproveitan para crear oligopolios que disparan os prezos a pesares de empeorar en calidade. Ninguén pode discutir que os prezos de servizos básicos como a luz, os carburantes, a telefonía, etc. disparáronse tendo incrementos moi superiores ao incremento medio do IPC. Isto leva a que as familias das clases populares galegas ben teñan que dedicarlle unha porción cada vez maior da súa renda ao pago destes servizos ben teñan que optar por un menor consumo que afecta a súa calidade de vida (“pobreza enerxética”). 
Os servizos de benestar. Os fortes recortes no gasto público están tendo un grande impacto tanto na calidade de vida como no benestar dos cidadáns galegos, especialmente as clases populares, como ben denunciando repetidamente o Consello de Contas. Si o crecente déficit atinxe a tódalas funcións de benestar, tres están sendo as mais castigadas polos axustes: atención sanitaria, ensino e vivenda. Uns déficits que obrigan a moitas familias galegas a ter que empregar unha cada vez maior porcentaxe das súas rendas ao pago destes servizos que deberán ter carácter gratuíto e universal.
Esta situación en Galicia de o mercado laboral e o estado de benestar ten o seu impacto a nivel macroeconómico moi especialmente na demanda global quen non remata de recuperarse. O gasto privado segue, en termos reais, claramente por baixo dos valores acadados nos anos anteriores a grande crise (2009): se o gasto das familias iniciou unha tímida recuperación non sucede o mesmo coo investimento privado que, como xa sinalamos nestas mesmas páxinas, non é quen de levantar cabeza. O mesmo sucede coas importacións. Un gasto privado que se ve arrastrado polos axustes fiscais xa que, como demostran tódalas evidencias, é o gasto público quen turra do gasto privado e non o contrario como afirman as teses neoliberais: dado que a produción de bens e servizos e maioritariamente privada un incremento do gasto público repercute inmediatamente na produción privada e, xa que logo, no gasto privado (consumo, investimento, comercio …).
Este é o panorama da Galicia real cando entramos no que será o último exercicio da actual lexislatura. Un período que debera servir para que os políticos galegos debateran con rigor e seriedade sobre si os/as galegos/as hoxe vivimos mellor que fai dez anos cando se iniciou outro longo período de goberno conservador (PP). 

Manoel Barbeitos

No hay comentarios: