martes, 23 de febrero de 2021

HAI 40 ANOS... UN 23 DE FEBREIRO

Non tiñan transcorrido 4 anos das primeiras eleccións democráticas de xuño de 1977, cando o 23 de febreiro de 1981, pouco antes das 7 da tarde, o Director do Instituto interrompeu a miña clase de Lingua e Literatura para alarmarme coa información da toma do Congreso por militares armados. Era o golpe de Estado, o tan temido, desde o mesmo día, e aínda antes, da morte de Franco. Xa viña resultando insólito, naquela época, que os militares da Ditadura asumiran tranquilamente a desarticulación das institucións franquistas, o terrorismo, que lles incumbía moi directamente, a legalización do Partido Comunista (finalmente de tódolos partidos), unhas eleccións parlamentarias democráticas, características das democracias occidentais, tan deostadas por Franco. Por iso os que vivimos a persecución política dos últimos anos da ditadura e coñecemos en persoa as vítimas superviventes do terrorismo franquista dos anos 30 e 40 nos sorprendemos cando algún mozo comenta que na Transición non se fixo o que se debía e que a Constitución Española, unha das máis avanzadas do mundo, que, por suposto, non leron nunca, é unha antigalla da que hai que desprenderse.

Todos os que, nos anos 70, comezamos a nosa militancia política, cun amplo coñecemento da historia precedente, nos alarmamos seriamente ese día 23 de febreiro, e non digamos as persoas sobreviventes do 36. Non parecía unha broma, a pesar da representación case de Antroido que interpretaron os militares no Parlamento, retransmitida en directo para asombro dos telespectadores.

A primeira pregunta que nos fixemos foi ¿Que facer? Os antecedentes nos indicaban que debíamos acudir ós locais dos Partidos, dos Sindicatos ou ás sedes das institucións, nas que exercéramos algunha responsabilidade. Como membro da Executiva de UGT de Pontevedra pareceume que o máis lóxico sería desprazarme ó local do sindicato, sito en r/ Dona Teresa, 4. Así o fixen. Non fun o único. Xa estaban alí Luis Tilve, coa súa prudente actitude habitual, Xosé Luis Portela Perdiz e Pilar Lavía falando por teléfono coa Executiva de UGT-Galicia. O desconcerto era grande porque se descoñecía a amplitude do movemento que apoiaba o golpe e que tipo de reaccións podían darse en Pontevedra. A prudencia parecía aconsellar abandonar o local e esperar acontecementos e, previamente, trasladar a lugar seguro,  como se fixo de inmediato, os ficheiros e documentos que puideran comprometer ós afiliados (máis tarde descubriríamos que determinados personaxes da cidade estaba preparando as listas negras).

Namentres esperábamos, apareceron Xosé Benito Gama e Antonio Espinosa, que acababan de de desfacerse de toda a documentación da súa militancia clandestina. A nosa preocupación minorouse ás 11 da noite cando, na cita telefónica prevista con UGT, se nos notificou que o golpe parecía estar estancado. De madrugada o discurso do Rei puxo fin á inquietude. O día seguinte acudimos ó Instituto cando o Parlamento seguía ocupado polos sublevados. Nas clases, naquelas circunstancias, nos saltamos o programa e aproveitamos a ocasión para explicar o que era a democracia. Os alumnos daquela estaban bastante ben informados. Hoxe, e resulta moi grave, a infravaloran. A ven denigrada nas redes sociais tódolos días e a identifican con certos políticos moi pouco exemplares.

A frustración do Golpe de Estado constituíu un alivio extraordinario para a militancia política e sindical porque poñía fin a toda a literatura golpista, que invadía os medios acotío, á rumoroloxía, á crise política pola dimisión de Adolfo Suárez, que conseguira, xunto co Rei, a autoinmolación das Cortes franquistas e do Consello Nacional do Movemento, e era considerado un traidor polos franquistas, facendo posible a chegada ó Goberno do PSOE   fronte a unha UCD desfeita e un PP por facer. 

Cando un día como o de hoxe, de conmemoración do asentamento da democracia española, hai políticos, que se catalogan de democráticos,  que non acoden ós actos conmemorativos dunha data que significou a puntilla ás veleidades franquistas e un triunfo da Constitución, como o Bloque e outros partidos independentistas, quizais porque non se lembran como os seus dirixentes da época escapaban a Portugal ou, noutros casos, a Francia, sen esperar ós seus militantes, e de que sen a pericia dos políticos da época, do Rei e da Constitución non estaríamos falando desta data, un decátase do abismo político en que estamos a caer se unha xeración de políticos sensatos e demócratas non poñen coto á desinformación e á crispación que os inimigos da democracia practican tódolos días para empezoñar a convivencia. 

Roxelio Pérez Poza

 

No hay comentarios: