viernes, 30 de abril de 2021

1º de Maio 2021. Un país en débeda coa clase traballadora

Unha vez máis témonos que remontar ó ano 1890, no que a II Internacional impulsou o 1º de maio como data reivindicativa en todo o mundo, a raíz dos sucesos de Chicago de 1886 e á conquista pola clase obreira americana da xornada de 8 horas. Xa no mesmo 1890 Pablo Iglesias encabezará a manifestación de Madrid e, en Galicia, a UGT  de Ferrol celebrará a data.

Sen ter superada a pandemia, preséntasenos un primeiro de maio condicionado pola situación, non tanto como o do ano pasado, pero aínda con moitas limitacións para a realización de actos ou reunións en locais pechados, pero nesta data, signo de identidade do internacionalismo, non se pode esquecer a historia do sindicalismo  nin tampouco os retos que se nos presentan actualmente no mundo laboral.

Neste complicado 1º de maio de 2021 cabe reivindicar, por riba de todo, o papel  dos sindicatos. Os ataques recibidos polo sindicalismo no período de xestión de Mariano Rajoy, planificados a conciencia por un Partido Popular con formulacións predemocráticas, que parecen perdurar,  afectaron á dinámica sindical e deterioraron os canles de actuación das organizacións sindicais cunha reforma laboral que destruíu as bases da negociación colectiva e precarizou o emprego ata un punto inimaxinable, condicionando, aínda máis, a capacidade de intervención dos sindicatos e condenando ós traballadores a unha loita individual pola supervivencia laboral.

A campaña de descrédito sindical segue en marcha, a través dos medios de comunicación e das redes sociais, paralelamente á de descrédito da política e dos políticos, por parte dunha dereita española absolutamente recalcitrante a todo o que signifique demanda de dereitos, melloras sociais, servizos públicos ou política redistributiva e que, ademais, descoñece a función dos sindicatos nun sistema democrático. En Galicia o posicionamento contrasindical da CIG coa súa estratexia supostamente marxista-leninista e a súa actitude independentista, partidaria, demagóxica e curtopracista, máis preocupada en confrontar e dificultar a acción das centrais de clase que en avanzar nos dereitos colectivos dos traballadores, non axuda en nada á consolidación do sindicalismo.

O que máis choca é que desde ámbitos ideolóxicos máis progresistas haxa posicións drasticamente individualistas ó marxe das organizacións sindicais, entre outras cousas, inducidas polas redes e medios de comunicación, que difunden falsas noticias ou interpretacións tendenciosas e destacan interesadamente determinados aspectos das súas actuacións, obviando o seu papel social como instrumentos constitucionais ó servizo dos traballadores para desenvolver unha loita organizada que permita acadar obxectivos irrenunciables en relación ás condicións dignas de traballo e vida, como sucede nos países da Unión Europea, nos que existe unha longa traxectoria de presenza e participación sindical.

Por se fora pouco, a pandemia afectou gravemente ás condicións laborais dos asalariados, que se viron abocados a ERTES, que os sindicatos defenderon e seguen a defender para que non se produzan despedimentos e se manteña a actividade económica, sindicatos que se marcaron como obxectivos prioritarios a subida do Salario Mínimo, e a conformación dun Ingreso Mínimo Vital, a raíz da longa crise económica que vimos padecendo e que a pandemia incrementou.

O lema deste ano do 1º de maio é coherente cos tempos que estamos a vivir. ”Agora toca cumprir. Un país en débeda coa clase traballadora”. Este lema traslada o recoñecemento da sociedade en xeral e das organizacións sindicais a tódolos traballadores que estiveron, e están, nos lugares de maior perigo todo ó longo da pandemia e a necesidade de que agora o conxunto das institucións e das empresas respondan ó compromiso demostrado pola clase traballadora.  É por isto que os sindicatos trázanse como obxectivo prioritario “outro modelo social e económico e o reforzamento dos servizos públicos, como base dunha sociedade democrática”, que opte, en primeiro lugar, polas persoas, e isto non é posible namentres non se derrogue a reforma laboral, existan as colas da vergoña de recollida de alimentos na rúa, a desatención ós maiores e persoas dependentes ou os despedimentos masivos en sectores con axudas públicas e con altos beneficios, como esta a ocorrer coa banca.  

“Sen igualdade non hai liberdade”. De aí que os sindicatos, neste primeiro de maio, reivindiquen o reequilibrio da situación económica e un modelo social e económico máis xusto a través dos plans activos de emprego, un sistema impositivo progresivo, pensións públicas dignas, incremento de prestacións e impulso do diálogo social e da negociación colectiva. Para isto é preciso facer un deseño axeitado da utilización dos fondos europeos do Plan de Reconstrución, en liña coas demandas e os criterios da Confederación Europea de Sindicatos (CES).

O  1º de maio segue a ser unha celebración unitaria dos traballadores de todo o mundo.  Así en España as grandes centrais de clase, UGT e CCOO, conflúen coa Confederación Sindical Internacional (CSI) e as súas reivindicacións, que se centran en buscar solución ós 250 millóns de empregos perdidos no mundo a causa da pandemia, e ós outros 130 millóns que se poden perder este ano, a través dunha demanda ós gobernos para que contemplen este problema como principal obxectivo das súas actuacións. Neste senso reclaman o incremento da inversión pública, programas públicos de emprego, a mellora da calidade deste, o impulso da formación e da educación e a regularización do traballo informal, de acordo tamén coas últimas resolucións da OIT. 

Roxelio Pérez Poza


No hay comentarios: