martes, 13 de abril de 2021

REPÚBLICA E DEMOCRACIA

Mentres hai quen pretende centrar o debate político actual nun hipotético dilema entre República ou Monarquía, como se disto dependera o futuro inmediato dun país en plena crise sanitaria e económica,  o 14 de abril cómprense os 90 anos da proclamación da II República. 

A II República xerou unha gran expectativa entre unha poboación que viña padecendo unhas condicións de vida miserables, pero tamén no seo da burguesía e os seus partidos máis  progresistas, que desexaban recuperar o protagonismo, que a ditadura lles subtraera, e abrir a posibilidade dunha reforma e modernización do país á altura do século XX (innovación, educación, cultura, produtividade…). Poríase así fin a unha ditadura, avalada pola monarquía, e a un período de posta en cuestión de todo tipo de  liberdades, entre elas as relativas ó exercicio dos dereitos políticos e sindicais, 

Se o 28 de xuño de 1931 tiñan lugar as primeiras eleccións xerais, que darían paso ás Cortes Constituíntes, o 9 de decembro aprobábase a Constitución, que avalaba o dereito ó sufraxio universal, e, consecuentemente, ó voto feminino, aprobado o 1 de outubro de 1931. 

Ademais de recuperar a liberdade de expresión, reunión e asociación e a igualdade diante da lei, a Constitución optou pola laicidade do Estado, a liberdade de conciencia e relixiosa, a adhesión ás normas universais do dereito internacional, a configuración do réxime autonómico, unha ampla lexislación social e contemplou o matrimonio civil e o divorcio.

Un dos proxectos máis importantes da República foi o educativo. Nun país no que case a metade da poboación era analfabeta resultaba imposible contemplar un futuro sen superar o enorme déficit cultural que os sucesivos gobernos monárquicos deixaron. Educación significaba tamén liberdade, participación, progreso. Toda a intelectualidade española fixo unha forte aposta por sacar a España do atraso secular e de aí as 10.000 escolas que se crearon inicialmente e os miles de profesores que se formaron nas Escolas Normais, mixtas por primeira vez, a reforma do bacharelato, que perduraría ata a Lei Xeral de Educación de 1970, e a creación da rede de institutos, que posibilitaron a liberdade de ensino en secundaria, nivel ata entón en mans da Igrexa.

Outros retos da República foron a reforma agraria relativa ás terras improdutivas, no que xogou un papel importante a Federación de Traballadores da Terra de UGT, con 500.000 afiliados,  reforma que detiveron os gobernos dereitistas da República, a reforma militar dun exército cunhas estruturas obsoletas, que había que adecuar ós tempos e, sobre todo, as reformas laborais, emprendidas por Francisco Largo Caballero, como a Lei de Contratos de Traballo, que regulaba a negociación colectiva e as condicións dos contratos, protexía o dereito de folga e contemplaba 7 días de vacacións pagados ó ano ou a Lei de Xurados Mixtos para a mediación nos conflitos laborais. Outras normas limitaron a xornada laboral a 8 horas, crearon a caixa nacional contra o paro forzoso, aprobaron o Seguro de Maternidade, normativizaron os accidentes de traballo e regulamentaron o traballo e a protección do traballador. 

A celebración tráeme á memoria a importante referencia que supoñía a República para os que vivimos o período da Transición. Así no ano 1981, con masiva participación de público,  a Agrupación Socialista de Pontevedra celebraba o 50 aniversario cun ciclo de conferencias, coordenadas pola nosa recordada e querida compañeira Rosi Martínez, nas que participaron importantes líderes do PSOE naquel momento como Pablo Castellano, Jerónimo Saavedra, Luis Gómez Llorente e Enrique Mújica. Pretendíase, con esta acción, analizar o que significaba a recuperación e exercicio da democracia no período republicano, cando nós estábamos a estrear Constitución e democracia, así como para valorar o que podía supor a posta en marcha da nova democracia e a súa consolidación. 

Nestes corenta anos que pasaron sucederon moitas cousas que puxeron en cuestión as conquistas acadadas. Así o terrorismo, a corrupción política, os recortes de dereitos, o intento de acabar cos sindicatos, as campañas de desincentivación da participación política, a opción dos medios de comunicación polo sensacionalismo e a parcialidade da información, a manipulación partidaria e as falsas informacións nas redes sociais para  descrédito da política e dos políticos…

Hoxe en día o que parece que pretenden moitos, sen querer, é dificultar o desenvolvemento da democracia, tan deostada polas actitudes recalcitrantes da Oposición a calquera proposta, coas súas mensaxes nocivamente críticos ás institucións, e aínda dunhas institucións a outras, coa distorsión absoluta da terminoloxía e coa utilización liberal da verba liberdade no seu sentido contrario ás liberdades dos cidadáns e ós principios constitucionais. 

Por iso, á vista da desvirtuación que se pretende do que significou a Transición política e a conquista da democracia, compre conmemorar o aniversario da II República para recordar, entre outras cousas, o difícil que resulta pór en marcha un sistema democrático e mantelo no respecto á división de poderes (recórdese o que está a pasar co Consello do Poder Xudicial e os outro órganos pendentes de renovación), no respecto ó Poder Executivo do Estado e á propia dinámica parlamentaria, así como ó sistema autonómico e ás forzas sociais, e o fácil que pode resultar perder o acadado. 


ROXELIO PÉREZ POZA

No hay comentarios: